Soa boa música (Día 1)

Viaxar é unha experiencia enriquecedora. Sempre aprendes algo. Ben empapándote da cultura do lugar, da súa historia e da súa xente, dos seus costumes, da gastronomía. Mais tamén gañas outro tipo de vivencias. Momentos impagábeis, situacións que te fan medrar como persoa.

Se che din que vas viaxar a Bruxelas a mediados de Decembro, soa ben. Pero se o que vas facer é representar a miles de profesionais e levar as súas reivindicacións a un escenario como o Parlamento Europeo, a cousa cambia.

Os días previos son de preparación. Para reler e revisar a documentación, os datos que consideramos máis importantes. Para tratar de deglutir e dixerir todas esas explicacións que pensas que a xente, que non vive a túa situación, non poderá entender. Daslle unha e outra volta para tratar que esa mensaxe chegue ao maior número posíbel de persoas. Para que poidan empatizar contigo e cas túas compañeiras e compañeiros. Para que valoren o que estás a facer. Para que valoren esta profesión.

A chegada a Bruxelas, con madrugón incluído, merece a pena. Estás ao cen por cen e até o voo se fixo curto. Tes ganas de empezar a ¨tourné¨ de reunións, visitas e carreiras, moitas carreiras; porque pese á planificación, os tempos sempre escasean cando menos o desexas.

Empezamos a mañá na praza de Luxemburgo onde unha concentración de mulleres kurdas, contra o primeiro Ministro de Turquía, Erdogan, nos da a benvida á antesala do Europarlamento, coa súa propia versión do ¨Un violador en tu camino¨. A situación xa nos fai ver que estamos nun lugar onde as reivindicacións e as denuncias forman parte da súa antonomasia.

Entramos cara a praza que da entrada ao Parlamento Europeo e as emocións empezan a aflorar, pese a ter tocado terra minutos antes. Quedamos alí con Ana e coa súa escudeira Pilar. No centro da praza e de fronte, a entrada que tantas veces víramos en imaxes. Chegamos a tempo. Saúdos en persoa tras moitos intercambios de mensaxes nos meses previos.

Sen tempo a pouco máis, cruzamos varias rúas cara a nosa primeira reunión da viaxe, coa European Public Health Aliance. Unha reunión que a pesar do café, soubo a poco. Aínda que empezaramos con timidez, as ganas de expoñer a problemática eran moitas. E é que te sintes máis cómodo a medida que pasan os minutos.

Agora de volta ao Europarlamento pero desta volta non quedamos ás portas. Controis de seguridade, ascensores cheos de xente. Xente que a veces nin escoitando as súas palabras saberías da súa procedencia. Porque en Bruxelas nada é o que parece. Ves xente que identificas, que coñeces de tertulias políticas. Preguntas si é quen ti pensas que é. Non erras. Ti máis pequeno de novo sentíndote alguén insignificante. Que che quede ben claro onde estamos.

Directos a unha das zonas adicadas á prensa. En onde os diferentes medios de comunicación fan directos, entrevistas, contidos varios. E nós, que vamos gravar unha pequena tertulia de quince minutos, con Ana como moderadora.

Sentámonos nunha mesa redonda, blanca e ben iluminada. Rodeada de cámaras. Colócannos uns micros. Imos estudando as preguntas e a orde para as mesmas. Xa nin recordas cal era a túa, así que intentas manter a calma. A estas alturas xa nada pode saír mal. Ao fin, non tes a Ana Pastor preguntándoche, mas tamén é Ana. Tras uns minutos de preguntas, saímos satisfeitas do resultado. E senón, cun pouco de edición, todo arranxado.

E o tempo voa, espéranos a Vicepresidenta da Comisión de Peticións Tatjana Zdanoka, á que exporemos directamente a nosa denuncia. Tour para chegar á sala da reunión e de camiño á mesma, o lugar no que te atopas segue a impresionar.

Para acabar de arranxalo, a prensa esperando a nosa chegada á reunión. Segues tentando envalentonarte pero non é doado. Ana e Pilar quítanlle ferro á situación e coa mirada dinche que todo irá ben, que estamos preparadas.

Entramos na sala de reunións e aos poucos minutos chega Tatjana Zdanoka. Informarámonos previamente sobre a súa persoa e virámola en fotografías. Chega con paso firme pero con pausa e saúdanos unha por unha. Non sei se lle dar dous bicos o un apretón cálido de mans, mais ofréceme a súa man e non vou facer o contrario. Non sabemos moi ben se existe un protocolo en onde debemos esperar a sentarnos até que ela o faga. Respirase cordialidade así que iniciamos a reunión e co empurre de Ana, expoñemos a nosa situación. Posteriormente únense á reunión Marc, que nada máis chegar nos mostra a súa total disposición e un compañeiro do equipo de Tatjana, especialista en Dereito Comunitario, que revisa a denuncia e nos recomenda algunhas posíbeis melloras.

Ela atenta ao desenrolo da denuncia e intentando puntualizar en temas que considera importantes, como son para ela os números. Para unha matemática como é ela, todo son números. E para a Administración nós, tan só somos números. Pero tras uns minutos de reunión Tatjana empeza a mostrar cada vez máis interese, sorprendida da situación na que se atopa o noso colectivo. O interese que non mostra a Administración que nos contrata, estabao mostrando unha política estadista. Nós fascinadas, e así foronse as inseguridades. 

Hai présa. Fiinalizamos a reunión, é quenda para a prensa. Ofrecémoslle a Tatjana unha chapa do noso logo. Ela acepta de bo grao cun sorriso. Ata a quen está rexistrando todo gráficamente, lle fascina o momento no que coa tranquilidade que lle aportan os números, colle a chapa e a coloca na solapa da súa chaqueta para saír con ela e tamén xunto a un cartel de Enfermeiras Eventuais en loita.

Tocan declaracións para a TVG detallando o motivo polo que nos encontrabamos alí. Toma as rendas Catuxa, e Ana de escudeira. Coma sempre a nosa gran compañeira, loce con destreza as nosas reivindicacións fronte á cámara, con esa seriedade e ese toque descarado que tanto nos gusta escoitar.

En segunda liña, observando con sutileza e rexistrando coa súa cámara fotográfica, Delmy, un reporteiro freelance que viviu situacións e conflictos de todo tipo. A pesar de que debería estar acostumado, a prácticamente todo, sorpréndese cando lle explicamos a situación que vivimos. Intercambiamos contactos, fotografías varias e un “seguiremos en contacto”. Outra mostra máis de empatía e van tantas que xa nos sentimos coma na casa.

Turno para a reunión con Isabel de la Mata, toda unha eminencia en Bruxelas e cun curriculum que da vertixe. Reunímonos con ela nunha zona anexa aos estudos dos medios de comunicación. Unha charla interesante na que nos apunta recomendacións que escoitamos atentamente. Somos unhas recén chegadas pero non somos tan ineptas como para obviar algo así e menos dun cargo coma o seu.

Son xa case as sete e media da tarde e é noite pechada en Bruxelas. Aínda así a iluminación das diferentes estancias e oficinas do Parlamento, así como as súas paredes blancas luminosas, fante sentir como se fora pleno día. Mais aínda queda darlle as últimas pinceladas á denuncia para presentarla formalmente. Reunínomonos na oficina de Ana e Pilar ao redor do procesador de textos e engadimos eses puntos que poden darlle máis peso á denuncia.

Apaganse as luces da oficina. Porque mañá é outro día e aínda que é o último, non vai deixar de ser menos intenso que o de hoxe. 

One thought on “Soa boa música (Día 1)

Deixar unha resposta