Soa boa música (Día 2)

Obviei os breves mas necesarios intres de ocio, que os houbo. Non vos enganedes, xa que tras o primeiro longo día en Bruxelas ceamos nun lugar con moito encanto. Permitirédesme que non lle faga publicidade, aínda que o merezan pola súa hospitalidade e a súa cociña, pero quen me coñeza pódeme preguntar gustosamente para a súa próxima visita. Ou non.

Na mañá do Xoves tocou madrugón de novo, e reunión con Juan José Fernández, Conselleiro Político da European Federation of Nurses (EFN), unha federación formada entre outras por organizacións coma o UK Royal College Nursing ou o Consejo General de Enfermería, do que falamos longo e tendido. Expuxemos de novo todas as nosas circunstancias así como as nosas reivindicacións e de novo un rostro, sorprendido. Fíxonos gracia un comentario sobre as preocupacións de moitas profesionais de todo a UE. A máxima preocupación das enfermeiras suecas é o cambio climático, e o das do Estado español a precariedade. Véndese a calidade excelsa das profesionais españolas pero ninguén fai nada para valoralas. Non así noutros países europeos.

Despois da reunión, momento protocolario para unha visita guiada polo Parlamento, cunha breve exposición de como funciona toda aquela maquinaria. Acompañándonos na ruta, compañeiras e compañeiros de Euskadi, entre os que se encontraban: Representantes da plataforma de xovenes vascos pola precariedade, vogais dun grupo que reivindica os dereitos das internas do fogar e representantes dunha plataforma que analiza a ¨uberización¨ dos servizos.

E tras finalizala, chegou o momento da despedida, pero non antes sen cruzarnos con Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, que se encontraba en Bruselas por motivos de traballo. Saúdos, de novo boas palabras e empatía. A miña curiosidade innata de pretender coñecer a persoa e non a política, queda para outro día. Debo admitir que me gustou moito na súa intervención en Salvados (un dos meus programas fetiche dende fai xa unha década) e hoxe capitaneado por un galego coma Gonzo.

E xa que sacamos o tema, Gonzo tío, adícalle un Salvados a sanidade pública que se está poñendo un futuro moi negro. Ao mellor mostrando a deriva da mesma nos últimos anos fagas despertar a todo o mundo. Igual aínda estamos a tempo de recuperala e facer dela unha sanidad pública e de calidade.

Pero voltemos con Ana, non a de Cuntis senón a de Sarria, Ana Pontón. Se algo me chamou a atención neste primeiro contacto foi a súa altura. En Bruxelas todos quen te rodean parecen enormes, mas a hora da verdade todos mostran estar a mesma altura ca ti. E iso xera empatía e comodidade. Seguro que no país será moito mellor.

Turno para as despedidas. Ana queda coa outra Ana ás portas do Parlamento e despedímonos. Sí, efusivamente, porque nestas horas tan intensas, varias persoas tiveron tempo de coñecerse, entenderse, conversar, respirar, emocionarse e desfrutar xuntas.

Nunca poderíamos ter imaxinado que pese a ter saído seis compañeiras desde Porto, e volvéramos seis, en realidade en todo momento fomos oito. Oito compañeiras de viaxe e dunha experiencia que sen dúbida levaremos con enorme agarimo durante moito tempo. Quen sabe canto.

Chegamos de novo a terminal de Charleroy. Embarcamos rumbo a Porto e de Porto aos nosos respectivos fogares. Rumbo a Ourense, rumbo a Burela, a Pontevedra, a Combarro, a Santiago e A Coruña. En tan poucas horas a miña sensación é que a pesar dos medos que puidese ter inicialmente, unhas persoas medraron. E da man do crecemento persoal, tamén o crecemento deste movemento, do colectivo, da visibilizacion da profesión.

Se botamos a vista cara atrás e vemos con perspectiva o que aconteceu nestes meses, a algunhas de nós poderiasenos ter inchado o peito de orgullo ou incluso, no peor dos casos, ter mirado por riba do ombro ao resto de compañeiros e compañeiras. Pese a todo isto, seguimos sendo humildes como o primeiro día e dubido moito que nada nin ninguén nos poida facer cambiar. Somos conscientes de que este é un camiño moi longo, que non acaba máis que de comezar. Virán momentos nos que nos veremos superadas, esgotadas, fundidas, enfadadas con nós mesmas, con compañeiros e compañeiras. Pero momentos así axúdannos a enfocar todo desde outra perspectiva. Porque entre todos os que formamos este colectivo e os que o apoiades, equilibramonos. Porque somos lexión.

E si. Por agora tan só temos conseguido levar á primeira liña do debate parte das nosas reivindicacións, que non é pouco, pero non é suficiente. Sempre dixemos que queríamos feitos e non palabras. Por agora soa boa música para os nosos oídos, pero, estache gustando o que escoitas?.

Deixar unha resposta