Persoas xubiladas traballando e persoal eventual na casa.
Fai aínda non unha semana líamos incrédulas na prensa a noticia de que o SERGAS ia incorporar médic@s e enfermeir@s xubilad@s para reforzar a atención sanitaria ante o déficit de persoal na loita contra a COVID.
Hoxe coñecemos que debido a incorporación de dito persoal xubilado, moito do persoal de enfermería; que levamos loitando en primeira liña, en condicións precarias, cada día reforzando unha unidade distinta, con cambios de quendas case a diario, sufrindo contratos por días soltos, pasaremos a ser sustituidos por ese persoal xubilado. Seremos desprazados a outras unidades ou no peor dos casos, veremos rematado o noso vínculo laboral.
O enfado acentúase ao saber que hai xente na listaxe que NON temos contrato actualmente, vendo con incredulidade como se lles oferta un vínculo de 3 meses de duración a persoal inactivo mentres nós estamos na casa á espera dunha chamada de contratación.
Cabe destacar que moitas de nós non tivemos a sorte de ter unha vinculación longa en moito tempo, sendo os nosos contratos de días soltos, ou de semanas dende fai anos.
A nefasta xestión das xerencias sanitarias permite ademais que cada día se nos pida dobrar turnos e facer xornadas extraordinarias a quen estamos en quenda de traballo nese momento, contribuíndo así ao noso desgaste persoal, e mentres outros compañeiros están na casa sen traballar esperando a que se lle chame para ofrecerlles unha vinculación.
Queremos mostrar a nosa disconformidade coa medida de incorporar persoal xubilado, así como denunciar públicamente a mala xestión das Xerencias e as políticas de contratacións. Unha vez máis óptase por poñer un parche a unha situación insostíble que vai acabar coa saúde dos profesionais sanitarios, en lugar de arranxar a situación actual ofrecendo contratos de calidade, mellorando a precariedade e ofertando a totalidade de prazas vacantes. Medidas que SÍ serían eficaces para frear a fuga de profesionais, o déficit de persoal e sobre todo e o máis importante, para poder ofrecer uns coidados dignos e de calidade aos nosos pacientes.