Das creadoras de… “Fágoche un acúmulo de tarefas de 6 meses para que andes de pintamonas por todo o hospital, e cando se che acabe o contrato non traballes o resto do ano” chega… “Fágoche un acúmulo de tarefas perpetuo no que terás que rachar coa cadea se queres recuperar a liberdade”.
Si amigas, a pandemia quitounos moitas cousas, como as viaxes e o ocio nocturno, mais deunos outras, coma os aplausos ás oito da tarde por parte de moita xente que despois nos trataba como apestadas, ou o noso favorito: O acúmulo de tarefas perpetuo/ a precariedade absoluta.
Ano 2019. Prepandemia. Lembremos que houbo unha época na que non existía a Covid—19 e todas eramos felices. Todas? Non. Un selecto grupo de ignorantes que tivo o valor de inscribirse nas listas de contratación do Sergas, traballaban en distintos centros amparados no contrato “acúmulo de tarefas”. Nin vacacións, nin dereito a baixa, nin ningún tipo de dereito que ten calquera persoa traballadora! O único que tiña de bo, era que se acababa nalgún momento. Ti chegabas aos teus seis meses de vinculación e a señora de contratación dicíache “Adeus e que che vaia ben na vida”, e veña, que te espera o paro. Ademais, ata se daba a casualidade que sempre eran cinco meses e algo, nunca chegaba aos seis, que é o momento no que tes dereito a desfrutar as vacacións…, casualidade?
Logo viña o ostracismo, porque o acúmulo, ao igual que os puntos do carnet que che quitan cando usas o alcol para algo máis que para desinfectar, tiñas que recuperalo. Ninguén chegou a entender ben de todo o mecanismo de dita recuperación, ao final tiñas que fiarte da boa fe da de chamamentos, e mentras tanto, coller as migallas de contratos nominais que quedaban. Contratos nominais, que recordos!
Ano 2020. Pandemia. Polo que sexa, comezou a haber escasez de persoal de enfermería. Chámalle casualidade ou chámalle que a crise sanitaria empeorou unhas condicións laborais que xa deixaban bastante que desexar. O acúmulo de tarefas mutou cal cepa Covid, e apareceron contratos de emerxencia e contratos de continuidade, que se sumaron aos acúmulos normais e aos vacacionais. Todos de distintas duracións pero cunha característica común, que non eran nominais, coa conseguinte perda de dereitos. Mais amparándose na crise sanitaria, todo vale.
Ano 2021. Seguimos en pandemia, coa variante sudafricana planeando sobre as nosas cabezas e todo igual no “mundo contratos”. A pesar de todo, seguironse dando baixas, porque a vida segue e unha pandemia non che impide ter fill@s, fracturar unha perna ou coller unha gripe. E o superacúmulo está aí para cubrir todo iso. A novidade deste ano é que os acúmulos son eternos, renovables e sen dereito a rexeitar (a ver, depende en que área sanitaria che toque, se eres un profesiinal coruñés podes, se es unha pobre desgraciada que exerce nun comarcal ao sur da provincia de Lugo… pois colles o que che dean e das as gracias, porque ao mellor a ti che correspondía unha baixa por embarazo que durará un ano, pero se o teu xefe di que non, que colles seis meses, ti non rechistas). Isto é todo un feito hipotético claro, nunca tal se viu.
O resumo é que vivimos nos séculos escuros, atrapadas nuns contratos que lles permiten moverte onde queren “porque pertences ao hospital” (a historia de amor máis tóxica que se viu desde os contos de Disney), cuns dereitos máis ben limitados, e cuns xefes que te fan sentir culpable por exercer o teu dereito a protestar.
Si, teño traballo, pero vou con coidado do demo ao subir as escaleiras porque como escorde un nocello quedo sen el, que te cesan nun momento, poñen a unha cos dous pés enteiros e aquí paz e despois gloria. Chegadas a este punto recalcar que as escravas tamén tiñan traballo… Non todo vale, e os dereitos laborais están aí por algo, non para pisalos.
Non custa nada imaxinarse dentro de 15 anos, cando as novas xeracións entren no hospital, contándolles a historia de como levamos case dúas décadas de acúmulos concatenados, que non nos daban a opción de escoller que contrato queríamos , porque as nosas xefas tiñan medo de que nos desemos a fuga.
En resumo, viñamos a desafogar, porque en realidade de pouco serve, con sindicatos que en vez de defendernos miran para outro lado e Xerencias ás que só lles importan os números. Así que, co voso permiso, imos agradecerlle de novo aos subdirectores de enfermería, que foron escollidos a dedo e sen ter ningún tipo de mérito, que nos deixen traballar nos seus hospitais, aos que accedemos a través dunhas listas de contratación grazas as notas de oposición, cursos e tempo traballado.
Longa vida os acúmulos de tarefas, que son como os chándals, viñeron para quedarse.