Sen arroz non hai país

Galicia é terra de crise. Nas últimas décadas vivimos momentos dramáticos como a marea negra do Prestige, o drama de Angrois ou as ondas de incendios forestais no rural e a pesar de todo, sempre saímos á boia.

Unha crise distinta dispútase dentro do núcleo familiar, unha crise demográfica, unha crise de difícil solución, como dicía Manuel Rivas «pese ao que digan, nacer non é nada fácil. É complicado. Se tiver a man unhas estadísticas podería demostrarlles como existe unha íntima relación entre as taxas de mortalidade e natalidade»e razón non lle falta, aínda que nesta ocasión a taxa de mortalidade gaña.

En Galicia temos ao presidente da Xunta de Galicia obsesionado en mellorar a natalidade, xa que el mesmo considérao «o primeiro problema estrutural da nosa terra». Imaxinámosnolo/Imaxinámonolo sentado xunto ao lume dunha lareira como bo animal pensante, esmagándose os miolos, para lograr que Galicia, como ben di el, sexa «un lugar atractivo para ter unha familia».

Nós pedímoslle a Feijóo que non cesamento no seu empeño de loitar por aumentar a natalidade da nosa terra, tanto el como o resto de políticos locais, autonómicos e estatais, porque se a política quere, poderá se non conseguilo, si poñer facilidades para que se consiga. Facilidades que, aínda que non potencien de seu a natalidade, si permitan mellorar as condicións de moitas familias en Galicia, xa que, no noso sector, o sanitario, a gran maioría do persoal en idade fértil é persoal eventual sen estabilidade, sen conciliación, sen vacacións e por suposto, sen fillos.

Esta é a realidade dunha política laboral, estancada na crise desde hai case unha década e sen visos de cambios. Unha situación anquilosada onde un persoal formado na súa maioría por mulleres, «o 80,3% do persoal do SERGAS é muller e ten entre os 21 e os 30 anos», abocada a continuar sen estabilidade durante unha media de dez anos no mellor dos casos, concatenando contratos temporais que non permiten conciliar vida laboral e persoal, onde a maternidade discrimina e mesmo ás veces penaliza e onde unha nai é rara avis. E non, non queremos afundir Galicia. Queremos levantala.

Anímese Presidente, loite con valentía polo futuro da nosa terra e tome medidas canto antes, ou en caso contrario pasarásenos o arroz e sen arroz non hai país.



Publicado o 28 de Decembro do 2018 na web de AENSAC

Deixar unha resposta