Se somos tan necesarias porqué só nos ofrecen precariedade?

Despois de recoñecementos e homenaxes públicas a nosa labor durante a pandemia, estamos a vivir de novo a contratación por días, horas e semanas. Atopámonos na segunda vaga da pandemia pola COVID-19, momento no que os profesionais sanitarios somos máis que precisos  para coidar a todas e todos os afectados pero a administración continua ofertando contratos que nada se asemellan as necesidades reais.

A nivel estatal e autonómico estase a presenciar falta de profesionais pero é a administración a que debe de analizar a causa.Gran parte dos motivos polo que moitas profesionais abandonan o SERGAS céntranse nun sistema de contratación precario, cunha elevada temporalidade (en Galicia o 40% do persoal en atención especializada é eventual), sen dereitos e cunhas condicións que impiden a conciliación.

A falta de persoal é perceptible e innegable, pero seguense realizando as contratacións a última hora, aínda sabendo que as necesidades para os vindeiros meses serán elevadas, a finais de setembro, a maioría do persoal de enfermaría foi chamada para a oferta de contratos entre o 28 e 30, tres días antes do comezo do mes. A duración máxima dos contratos ofertados foi de 2 meses (aproximadamente o 20%) e o resto foron contratos de 1 mes, 1 semana ou días soltos, cando as necesidades reais, se a planificación de recursos humanos fora a correcta, poderían permitir contratos máis longos. Pero ese motivo é o que impide en parte xestionar ben as contratacións, pois se tiveramos máis estabilidade gañaríamos en dereitos laborais e iso ó SERGAS parece que non lle interesa.

A todo isto, súmase a falta de asignación de quendas nas carteleiras de outubro a día de hoxe, polo que ainda que teñamos un contrato de dous meses, non sabemos que días traballaremos dentro de sete días.

Esta fórmula de contratación só fai xerar estrés no persoal eventual, un persoal clave para a subsistencia do sistema publico de saúde. Un persoal que non pode planificar a súa vida máis alá dun mes, que ten que vivir coa incertidume de se o seu contrato será prorrogado ou non a pesares de saber con certeza que vai a ser necesario. Un persoal que atopándose directamente baixo o foco da pandemia, vive con auténtico temor ver perigar o seu dereito á baixa ou á cotización en caso de sufrir unha indispoñibilidade antes do comezo dun novo contrato. En resumo, un persoal cunha vida hipotecada a unha política de contratación ineficiente e lesiva.

Está situación, trasladada as Direccións de enfermería e Recursos Humanos do Complexo de Ourense, dabondo coñecedoras da situación das listas de contratación, outorgan como resposta á falta de persoal o traslado de pacientes a Vigo. Realmente a responsabilidade da falta de persoal é da enfermería ou dunha xestión dos Xestores do SERGAS que só favorece a fuga de enfermeiras en busca unha estabilidade e condicións dignas?

Ante esta emerxencia sanitaria non podemos continuar con esta contratación precaria. A situación é complexa, pero a estabilidade do persoal garantiza unha maior calidade de asistencia e o funcionamento axeitado dos servizos, favorecendo os nosos coidados aos doentes. Unha enfermeira non pode estar hoxe no Servizo de Urxencias, mañá nunha Unidade COVID e pasado nunha Unidade de Oncoloxía coma é habitual.

Se somos tan necesarias porqué só nos ofrecen precariedade? Sabemos que foi a profesión que eleximos e de feito non queremos recoñecementos, pero a situación laboral actual pon máis paos na roda. O persoal está esgotado e coma as políticas e a xestión de Recursos Humanos non mude, o problema de hoxe será tamén o problema de mañá.

Equipo de Enfermeiras Eventuais en Loita de Ourense

“Imagen del Banc d’Imatges Infermeres. Autoría: Ariadna Creus y Àngel García”

One thought on “Se somos tan necesarias porqué só nos ofrecen precariedade?

Deixar unha resposta