Isto é un Hospital, non unha ONG

Gustaríame comezar este artigo facéndovos unha pregunta filosófica, estamos a poucas semanas de terminar o ano e unha empeza a poñerse algo mística. Creedes no karma? Eu teño que confesar que ata hai pouco non, pero baseándome en acontecementos recentes estou a empezar a pensar que o cosmos igual inflúe máis do que puidese parecer nun principio. E vós diredes, “vaia, cando se converteu este espazo de denuncia e retranca nun libro de autoaxuda digno do mesmo Paulo Coelho?” Tranquilas, todo nesta vida ten explicación, menos as preguntas dos exames de oposición do Sergas.

Corría o ano 2015, creo lembrar. Por aquel entón eu era unha pobre vítima da miña ignorancia, e estaba anotada nas listas de curta duración, tamén coñecido como Pool ou Inferno na Terra, cada unha que o chame como máis lle conveña. Como digo, levaba ano e medio nunha tensión constante esperando a que a pantalla do móbil iluminásese e tivese que deixar a comida a medias, saír co pelo cheo de xabón da ducha ou mesmo deixar unha película no cinema a medio ver (as tres situacións sucederon de verdade). E case vos podo asegurar que o peor ainda non era esa incerteza perpetua, era o cargo intermedio que manexaba o cotarro. Como describir o cargo intermedio en cuestión sen terminar nun xulgado?

Ben, para que vos fagades unha idea xubilouse este ano, pero aínda que non houbese crise covid, non creo que ninguén lle organizase unha cea de despedida, nin aínda que os gastos corresen a cargo dela. Así pois, unha compañeira e eu, fomos pedirlle un favor, nin sequera lembro o que era, imaxino que era poder librar un día para algo en concreto, un evento, unha cita médica ou algo así. Ter vida, en resumo. A súa resposta foi: “ isto é un hospital, non unha ONG”. E aquí é onde entra o karma.

Hai 5 anos isto non era unha ONG. Hoxe, as universidades están a pedir voluntariado para facer actividades que deberían ser co seu pertinente contrato e coa súa nómina. Creo que chegamos a un punto no que a miña antiga xefa xa non ten razón, e isto acaba de converterse nunha ONG con todas as letras. 

Non contentos con isto, circulou nas redes un correo electrónico por parte desa mesma universidade, no que lles botaban en cara aos alumnos que non apreciasen a oportunidade que se lles estaba brindando. Claro que si, se podendo realizar o traballo gratis quen vai querer cobrar? Total, xa se sabe que os sanitarios vivimos da vocación, eu pago con vocación no Mercadona todas as semanas…

Isto parece irremediable. Desde hai anos vivo o éxodo continuo de compañeiros a outros sitios dentro e fóra de España. Xente que co mesmo tempo traballado que eu está nunha interinidade, cando eu traballo un día aquí e outro día alá, co meu inseparable teléfono sempre á miña beira. E estamos cansas. E queimadas. E vemos que no canto de arrimar o ombreiro entre todos, están a nos empuxar para que marchemos. E cada vez hai menos xente. Antes saiamos da universidade e tardabamos meses en ser chamados, agora empezan xa a traballar e dobrando quendas ademais. Porque antes non era legal dobrar e agora xa cho inclúen na carteleira. O que agora xa parece non ser legal é descansar, se un día non tes contrato nun distrito xa che chaman doutro. É unha situación que non se sostén, e menos co que seguramente se nos está botando encima. 

Pode ser que éste sexa o meu escrito con menos retranca e máis indignación, máis eslamiado que un  turmix sen sal e diabético. Pero a situación non é para menos.

Este barco afúndese, e teñen dúas opcións: mandarnos salvavidas como cómpre e tentar chegar todas a bo porto, ou que cada unha mire para si e sálvese quen poida. Facer como Rose en Titanic, cada unha que colla unha táboa para si mesma e punto (e si, cabían os dous na mesma) É que ao final unha cánsase de remar contra corrente e prefire deixarse levar a augas máis tranquilas, aínda que queden máis lonxe de casa. 

Creo que o maior problema é que aínda non se deron conta de que nós temos a tixola polo mango. Nós podemos irnos a outro sitio para traballar porque fai falta persoal en todos os hospitais e centros de saúde, pero eles non poden ter os centros de saúde baleiros, e xa sabemos que os altos cargos non se van a quitar a báta para poñerse o uniforme e traballar. 

Así que a miña antiga xefa, tirana e intolerante como era, tampouco era unha muller con grandes dotes adivinatorias. Ao final o Sergas si que terminou converténdose nunha ONG que esmoleira axuda para paliar unha situación cada vez máis desesperada. A mesma institución que ría de nós facéndonos contratos de 2 horas e que se permitía o luxo de ternos sen traballar cando esgotabamos os seis meses de acúmulo, agora agacha a cabeza e ten a xente en  acúmulos perpetuos para que non se vaian a outro sitio. 

Xa se sabe, non se pode cuspir para arriba que sempre acaba caendo. E seguindo cos devanditos populares, nós estamos moi cansas de que mexen por riba nosa e teñamos que dicir que chove. Porque o Sergas hoxe será unha ONG, pero para nós un hospital segue sendo un hospital.

“Imagen del Banc d’Imatges Infermeres. Autoría: Ariadna Creus y Àngel García”

Deixar unha resposta