Relaxing cup of café con leite, pero na sala todos xuntos contaxiándonos da COVID

Sinto que o título sexa máis longo que un día sen pan ou un día dobrando mañá e tarde, pero a ocasión meréceo. A semana pasada eramos os flamantes gañadores dun Premio Princesa de Asturias da Concordia que ninguén pediu, ou polo que estiven a ver nas redes sociais, ninguén quere. En cambio esta semana somos unha cuadrilla de “pánfilas” que se contaxian de Covid porque toman o café de media mañá demasiado xuntas. Eloína, parafraseando a unha grande da nosa cultura popular, “la has liado parda pollito”. Só che faltou dicir que foi porque tomamos todos café da mesma cunca… É dicir, que estiveches máis inspirada que cando aos teus súditos nos chaman para darnos un día de traballo que xa tiñamos.

Que eu entendoo, que como me dixo un alto cargo do meu hospital “para xestionar, hai que saber”. E eles… non saben. Entón é máis fácil para eles dicir que somos descoidados e irresponsables e que por iso nos contaxiamos, que non admitir unha xestión pésima tanto de recursos coma de persoal nunha situación na que os EPIs chegaban tarde, mal e a rastro, ao persoal ordenábanlle moverse dunhas unidades a outras, e pasaban da zona covid para levar a un señor de traslado a someterse a unha CPRE en zona limpa e logo volver levalo a zona covid, para que así o bicho fixese turismo polo centro, di que si. Pero a culpa de tantos sanitarios contaxiados foi do café. Pregúntome, doutora Núñez, se lles preguntou aos sanitarios e non sanitarios infectados, dos cales algún aínda segue ingresado no seu hospital, se gustaban de tomar café a miúdo.

Señora Núñez, ou case mellor Eloína, porque se ti te sentes con dereito de dicir que aos sanitarios nos falta medio fervor e que nos contaxiamos por descoidados, eu síntome con dereito de tutearte. E mesmo de dicirche máis cousas, pero non me vou poñer ao teu nivel. De verdade pensas que despois de todo o que fixestes desde os altos cargos, e en moitas ocasións o que non fixestes, tedes dereito a botarnos nada en cara? Que necesidade hai de abanear o avespeiro?

Si, sei que agora sairás dicindo que malinterpretaron as túas palabras, que se sacaron de contexto e demais. Perdoa se estamos un pouco susceptibles muller, pero é que levamos unha tempada mala, estamos de traballo ata as orellas. Chegou o traballo ata o despacho no que ti estás? Que sorte, alí podes tomar o café ti soa sen contaxiar a ninguén, non coma nós. Tamén che digo que igual tes máis tempo, porque eu tiven algunha tarde de parar a comer algo e beber ás nove e media da noite, xusto media hora antes de acabar a miña quenda. Desde as tres da tarde, non está mal.

Pero non te enredo máis, que seguro que tes que ir xogar ao golf con alguén ou que ir comer con algunha personaxe importante, pero lembra: o café sempre con distancia de seguridade, non fagas como os pobres e limitados soldados rasos. E por favor, para outra vez pensa mellor o que dis antes de falar, que filtras menos que unha desas máscaras FFP2 que nos mandaches que tal cal semellaban filtros de cafeteira, e sobre todo ten en conta que veñen as eleccións, que hoxe estas aí no teu despacho pero se cadra o 13 de xullo xa che cambiou o conto.

De todos modos estou segura que en calquera hospital no que esteas, sempre terás unha sala aberta para ir tomar un café, ti tranquila que moi espelidos non somos, pero si boa xente.

3 thoughts on “Relaxing cup of café con leite, pero na sala todos xuntos contaxiándonos da COVID

  1. Evidentemente e unha lección a prepotencia i a incompetencia destes enchufados políticos, en tarefas que lles quedan moi grandes. Está Eloina xa era Unha incompetente en Ourense i Vai seu primo Feijuu i traea para un dos hospitales mais grandes da rexions. Un bo premio o non saber facer.

  2. Nada que añadir solo que debería ser portada dos formatos que cos nosos impostos compran os Feijoo de turno e que cumplen sin rechistar as consignas que les mandan

  3. Como en muchas ocasiones hablan sin saber .Hay que estar en las trincheras para darse cuenta de quien tuvo la culpa en esta mala gestión del.covid y de quien con escasez de recursos y a riesgo de contagiarse trabajaron para sacar adelante a sus pacientes.

Deixar unha resposta