Premio da Concordia: Premio ao silencio

O noso colectivo naceu como movemento apolítico e asindical para protestar pola situación precaria da nosa profesión, agravada nos últimos anos polos recortes tanto en recursos materiais como humanos. Esta precariedade saíu á luz da forma máis cruenta posible durante a presente pandemia. Hospitais colapsados, persoal insuficiente e, por riba de todo, desprotexido para loitar contra este virus.

Que por que estamos a contar isto, que non é nada novo? Porque nos mandan a loitar con espadas de cartón e escudos cheos de buracos, e despois pretenden compensar aos soldados que sobreviviron cun premio que non significa nada.

O premio Princesa de Asturias da Concordia para o persoal sanitario poida que sexa o maior lavado de imaxe da historia, ou a forma máis descarada de querer desviar a atención para manternos en silencio. Máis ou menos parecido a esa suposta subida de soldo que propoñían. O que realmente queremos, e que seguen sen facer, é que nos escoiten. Ninguén pediu un premio, porque non hai premio que recompense aos compañeiros falecidos, nin aos infectados que padecen as secuelas desta enfermidade, tanto físicas, como psicolóxicas, como laborais. Non hai subida no soldo que compense saber que entras na habitación dun infectado con material defectuoso, xogándoche a túa saúde coma se estiveses ante un trileiro da rúa. Se levantas o vaso correcto aparece a  bóla, entón estás salvada, a túa máscara funciona. Se non, é unha deses lotes defectuosos que non che protexe, que só cumpre a función de dificultarche a respiración ata marearche e nada máis. Ningún Princesa de Asturias vale iso.

Fai unha semana, mentres os medios facíanse eco deste nomeamento, aplaudindo esa elección, o persoal sanitario protestamos en redes sociais por un recoñecemento que nin pedimos nin queremos. En lugar de premios o que queremos son contratos dignos, que non nos avisen da mañá para a tarde e aínda por encima teñas que entrar dando as grazas por traballar. Non queremos chegar aos almacéns dos servizos, eses cuxa xestión foi privatizada hai anos, e ver que están desabastecidos. Queremos que os contratos se outorguen de forma xusta e sen escurantismos, que xa foron demasiados anos de amiguismos e de dar os contratos segundo caes en graza ou es gracioso. Non queremos seguir en contratos de “acúmulos covid” cando os casos positivos en Sars-Cov-2 nos nosos hospitais afortunadamente xa son contados, só para que as xefaturas téñannos atadas e terminemos rodando por todo o hospital facendo funcións que non nos competen como cubrir horas sindicais, días de libres disposición e mesmo vacacións de compañeiras.

Esas son parte das nosas peticións, das nosas esixencias: dignidade, transparencia e que nos deixen facer ben o noso traballo con medios suficientes. E non pensamos que un premio outorgado por unha institución que é un lastre para o Estado como a Monarquía, sexa a solución. Se cadra ese diñeiro destinado a manter a toda unha familia sen máis traballo que sorrir nas fotos, sería mellor investido nunha Sanidade Pública que agoniza lentamente, vítima dos recortes e dunha xestión pésima.

Pero ao final só é a nosa opinión, se os dirigentes deste país cren que no canto de sentar connosco a falar e buscar solucións, o mellor é darnos un caramelo para que quedemos contentos e comprar o noso silencio cun premio desta índole, está claro que algo non estamos a facer ben, e se tiñamos a esperanza de que esta traxedia servise para concienciar sobre á nosa situación, moito tememos que haberá que esperar á seguinte pandemia para que reaccionen.

“Imagen del Banc d’Imatges Infermeres. Autoría: Ariadna Creus y Àngel García”

Deixar unha resposta