Que esta sexa a derradeira gargallada

Durante a pandemia vimos como a Administración se apoderou da excepcionalidade para restrinxir e reducir os nosos dereitos, aproveitandose dos nosos esforzos para acadar puntos políticos, […] e finxindo premiar o noso traballo con recoñecementos e homenaxes públicos carentes de valor.

Mentres tanto, e incluso antes deste desastroso ano 2020, múltiples estamentos profesionais, así como institucións independentes, advertiron de que a temporalidade do persoal sanitario deixou de ser un episodio agudo para converterse nunha patoloxía crónica. O paciente xa non pode evitar o diagnóstico. Incluso o presidente da Xunta de Galicia Alberto Nuñez Feijóo, que hai case un ano e medio negou algo evidente no Parlamento galego, agora admíteo a regañadentes.

Esperabamos un cambio de rumbo, pero a resposta da Administración ás nosas queixas coñecimola esta semana. A publicación no Diario Oficial de Galicia dunha Oferta de Emprego Público cun número ridículo de prazas, un total de 164. Leron ben, cento sesenta e catro prazas.

Cento sesenta e catro gargalladas con sarcasmo incluídas nos rostros de todas e cada unha das enfermeiras temporais que formamos parte deste Servizo Galego de Saúde, a vergoñenta cifra do corenta por cento do total.

Hai uns meses, esiximos cambios nas políticas actuais e puxemos en valor o persoal. Dende o noso colectivo a nosa voz nunca tremía para afirmar que só contemplamos un único camiño para poder reter a todos os profesionais.

Esa foi a convocatoria dunha gran Oferta de Emprego Público que chamamos MACRO-OPE, que incluiría todas as vacantes existentes e todas as que desde 2012 non se ofertaron e, polo tanto, perderonse, debido á desastrosa taxa de reposición .

Debido á resposta da Administración e porque consideramos que as gargalladas ás enfermeiras están a converterse en abusos, por ese motivo convocaremos canto antes mobilizacións en diferentes puntos da xeografía galega, mantendo sempre os protocolos de seguridade recomendados, para denunciar o insulto da Administración autonómica e estatal aos seus traballadores.

Tamén queremos aproveitar para facer un chamamento á cidadanía para que participe connosco nestas mobilizacións como mostra de rexeitamento cara a unha Administración que, blindada nun sistema obsoleto e ineficaz, obriga a que miles de profesionais de enorme valor teñan que emigrar na procura de condicións traballo que lles permita ter unha vida digna e os que quedamos aquí, coidándoos, non teñamos unhas condicións equiparables ao traballo que facemos.

Non permitiremos que se xogue co maior valor deste Servizo Galego de Saúde, os traballadores. Xuntos fagamos que esta gargallada nos rostros dos profesionais sexa a última.

Deixar unha resposta