Hits enfermeriles 2020

Pois por aquí andamos de novo. Tras varios meses dando a miña aceda opinión sobre temas varios, estaba claro que tiña que pechar o 2020 cun resumo, como a lista dos máis escoitados de Spotify ou un collage de fotos en Instagram. Esta é a miña versión avinagrada só apta para enfermeiras que viviron este ano pandémico en primeira liña de praia.

Marzo de 2020. Confinamento. Que lle chamaron así, pero eu digovos que como persoa que viviu dous anos nas listas de contratación de curta duración, eso de ir da casa do traballo e do traballo a casa sen máis vida social xa estaba inventado. Tamén é verdade que nos meus tempos non era preciso ir mercar no saínte da noite para non ter que saír da casa máis do imprescindible. E todos facíamos o mesmo, había máis xente do hospital no Mercadona as nove da mañá que en moitas ceas de nadal. Pero ese é outro tema.

Foron tempos convulsos para todo o mundo. Pero atrévome a dicir que máis para nos, o chamado “persoal esencial”. Con esto non falo só do gremio sanitario, tamén de moitos outros profesionais que tiveron que seguir saíndo a pesar do medo para que o país non se paralizase totalmente. No que nos atanxe a enfermaría, gremio denostado pola sociedade durante moito tempo, pasamos de ser heroes que arriscaban a súa vida para salvar a xente a ser mercenarios ó servizo dun goberno que planeaba aniquilar a poboación da terceira idade nun pestanexar. E home, nin tanto nin tan calvo. 

E aquí foi onde fixo a súa aparición estelar a palabra vocación, tan repetida que rematou por perder totalmente o sentido. A vocación non xustifica os medios insuficientes, as verdades a medias e as quendas interminables por falta de persoal. Non somos heroes, somos profesionais que realizan un traballo para o que están cualificados e polo cal reciben unha retribución económica. Punto. Claro que o podes facer con máis ou menos salero, eso xa depende da rumba que teña cada un no corpo, pero non deixa de ser iso, un traballo. Así que basta xa de xustificar todo ca maldita vocación. 

Claro, o contrapunto foi cando nos quixeron implicar na famosa “plandemia. Vamos a ver, a min non me chegou nada diso, a non ser que mandaran o protocolo ó correo do Sergas, porque o abro de ano en ano e puiden non enterarme. Así que en menos de dous meses pasamos de que saísen o balcón aplaudirnos a que aparecesen algunhas pintadas tachándonos pouco menos que de nazis. Fomos como a Pedroche en fin de ano, ou nos adoraban ou nos odiaban. Enfermeiras influencers.

Ben, esto lévanos a outro fito este ano. Os premios. Quen de vos contaba en xaneiro de 2020 con ter un premio Princesa de Asturias antes de finais de ano? Eu xa vos digo que nin estaba segura de se me renovarían o acumulo, como para contar cun premio. Tamén manda carallo que conseguisemos antes o premio Princesa de Asturias que a carreira profesional, todo sexa dito, ese xiro do guión non o viron vir nin os sindicatos.

Contra todo pronóstico, sobrevivimos os meses de confinamento cun estado mental e físico máis ou menos aceptable e chegou o verán. E co verán, novo plot twist, Feijoó, xeneroso onde os haxa, sacouse da manga un bono de 250 euros para que saísemos a expandir a pandemia por Galicia adiante. Claro, que era o que todos estabamos a esperar, un finde romántico de escapada rural, se despois os guantes rompían só con mirar para eles, as mascarillas eran como filtros de cafeteira e as batas como o Santo Grial do Epi, pois son detalles menores, que mira, traballar con seguridade non, pero as nécoras que papache ese día non chas quita nadie. E todos tan contentos.

Pero neste ano tan tolo, a alegría dos premios e das vacacións financiadas por Feijoó viuse deslucida pola perda a finais de verán polo faro que guiaba as enfermeiras eventuais en loita. Almuiña. Referente da sanidade, gran defensor da enfermaría, autor de perlas como que o 88% da plantilla estaba constituída por personal fixo… ese Almuíña, situadesvos, verdade? Cesou no cargo. Incomprensible dada a súa boa xestión, seino, pero hai que ser fortes compañeiras, pensade que está nun lugar mellor, seguramente nunha casa estupenda que mercou traballando ben menos ca nos, esos eventuais que nunca recoñeceu que existisen. Deus, dame paciencia, porque como me des forza… aínda que lle temos que recoñecer un mérito, foi quen de tocarnos as narices tanto a todos como para propiciar unha unión enfermeril nunca vista, e ata agora Enfermeiras Eventuais en Loita segue aguantando a pesar das adversidades.

Diría que este último treito de ano foi tranquilo, pero mentiría. Vexamos, a famosa puntuación a maiores que nos regalan por ter boa saúde. Síntome coma un can que van mercar e que ten máis valor polo pedigree. Centrémonos, se unha persoa colle a baixa, polo motivo que sexa, eso implica que sexa peor profesional, que non saiba desempeñar ben o seu traballo, ou que mereza estar en desvantaxe cos seus compañeiros a hora de optar unha interinidade ou unha praza? Porque eu non o vexo así, máis que o premio que nos venderon, o que entendo e que se quixo penalizar á xente por enfermar, pero quizáis teño máis saúde que neuronas, non me fagades caso.

As prazas. 164 prazas de enfermeira rasa. Pois home, para o caso eu creo que poderían facer algo máis vistoso. Algo tipo coma os Juegos del hambre, encerrarnos a todos os aspirantes nun estadio e que nos matemos uns os outros, os que queden vivos que collan as prazas. E televisado, que eso na TVG na hora da sobremesa ben podería competir con Sálvame. Tamén vos digo que eu non sei se prefira poñerme a entrenar para matar cun arco que buscar os apuntes da parte común no trasteiro.

Pero hai sitio para a esperanza neste escenario tan negro que vos acabo de pintar. Bruxelas aceptou a denuncia interposta por Eventuais en Loita canda o BNG e investigará unha posible violación da normativa comunitaria pola excesiva temporalidade no sector sanitario. Que xa lles adianto eu que  hai tal violación, por moito que a Almuiña lle pareza que do acto de graduación saímos cunha melopea e unha praza baixo do brazo.

Así que xa vedes, este ano, a pesar de paralizar as nosas vidas durante algúns meses, deu para moito. Foi un ano de merda, non vexo a necesidade de edulcoralo, pero do que tamén podemos sacar cousas boas. Eu por exemplo quédome co humor das miñas compañeiras, capaces de sorrir e facer bromas despois de horas metidas nun Epi. Quédome coa xente que se achegou un pouquiño máis a nosa profesión, e sobre todo con esos pacientes que confiaban cegamente en seres alieníxenas que entraban nas súas habitacións ataviados con todo tipo de aparellos e dos que só vían os ollos. Pinchar unha gasometría con doble guante e complicado, pero máis difícil e collerlles a man e asegurarlles que todo vai ir ben cando o máis seguro era que morreran sós nesas habitacións convertidas en celdas improvisadas.

Desde logo esta profesión nunca foi fácil, e menos este ano cunha pandemia de por medio e cunha clase política máis preocupada polos números que polas persoas. Pero aquí seguiremos. Con ou sen covid. Con ou sen aplausos nos balcóns. Con ou sen premios. Con ou sen políticos que nos apoien. Porque esto é o noso, o que nos gusta, o que estudiamos e o que queremos que nos deixen facer. Maldita vocación.

Deixar unha resposta