Os datos oficiais do persoal de enfermaría do SERGAS, filtrados

​​Durante todos estes anos puxeramos a lupa no elevado número de persoal temporal que sostiña o Servizo Galego de Saúde. Uns datos para coñecer con máis detalle o estado do persoal de enfermeiras e a súa situación laboral que obtiñamos de consultas realizadas a pé de campo.

Pero desde o SERGAS sempre se negou que a realidade fose tal e como nós denunciamos. De feito estes datos foron postos en cuestión en sede parlamentaria e mesmo o actual presidente estatal do Partido Popular, Alberto Nuñez Feijoó, chegou a afirmar que o 88% das enfermeiras era persoal estable e que a Xunta de Galicia asinara un “compromiso explícito de reducir o número de interinidades ao 5%” algo que catro anos despois, incluso contabilizando as futuras ofertas de emprego público, segue sen ser certo e foi de facto un compromiso fallido.

Pois ben, tivemos acceso a datos oficiais do departamento de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde e a realidade antóllase máis próxima á que nós describiamos que á que desde a Xunta de Galicia se pretendía vender como relato oficial de cara á opinión pública.

Datos oficiais recompilados durante o período de xaneiro a abril de 2023:

  • Persoal con Praza en Propiedade, 5.581 (≈48.11%) Este grupo constitúe estatisticamente menos da metade do cadro de persoal total do persoal medio activo durante o período indicado.

  • Persoal Temporal con Praza Vacante, 2.995 (≈25.85%):Os datos de “Persoal temporal con praza vacante” reflicten a media diaria de adscricións a postos de traballo facilitados pola Oficina de Orzamentos (prácticas en postos vacantes, promocións internas en postos vacantes e reintegros temporais en postos vacantes).

  • Resto de Persoal Temporal, 3.012 (≈25.95%): Os datos do “Resto de Persoal Temporal” reflicten a media diaria de vinculacions non asociadas aos postos orzamentados por execución de programas de interinidade, acumulación de tarefas, substitucións de persoal ausente, etc.

A lectura dos datos móstranos unhas porcentaxes de persoal temporal, enormemente elevadas que expoñen serios riscos na calidade dos servizos de saúde ofrecidos polo SERGAS no día a día.

Sempre puxemos encima da mesa a necesidade dun Sistema de Rexistro de Persoal que permitiría cuantificar e definir as necesidades reais e actuais do cadro de persoal do Sergas. Este sistema aseguraría unha forza laboral máis estable e sólida nun ámbito clave nunha poboación galega cada vez máis envellecida e cunhas necesidades asistenciais superiores ao resto das comunidades autónomas.

Estes datos, agora oficiais, móstrannos que o SERGAS se atopa ante unha realidade, especialmente na categoría de enfermeiras, onde a elevada porcentaxe de persoal temporal pon en evidencia a deficitaria política de recursos humanos nos últimos quince anos por parte dos xestores autonómicos do público. De feito os procesos de estabilización convocados nos últimos anos demostraron ser claramente insuficientes (1.556 prazas ofertadas na anterior convocatoria e 818 prazas novas ofertadas para a oferta de emprego público correspondente a este 2023).

É de facto un feito innegable que esta vergoñosa temporalidade, xunto a uns cocientes de persoal insuficientes e deficientes, afecta directamente aos coidados e á atención sanitaria e por suposto ao persoal temporal e ao persoal fixo que sofre os diversos avatares da precariedade laboral no seu día a día.

Se fixemos da loita contra a precariedade a nosa bandeira preguntándonos “quen coida a quen te coida?”, tras anos buscando unha resposta por fin atopámola. Só poderemos coidarnos nós mesmas xunto co apoio da cidadanía. Por iso a ela pedímoslle un paso adiante, que castiguen nas urnas a quen non nos deixan ofrecer uns mellores coidados de calidade, a eses que son os máximos culpables que sigamos encadeados a unha precariedade interminable. Terán como resposta o mellor de nós.

Deixar unha resposta