Cinco horas con Mario

Son unha das moitas enfermeiras que están a traballar arreo neste país nestes momentos tan complicados, unha das moitas que cada día atende a pacientes que dan positivo en Covid-19. Pero de todos eses pacientes, todos cos seus nomes e apelidos, hai un que me afectou especialmente, o seu nome é Mario.

Mario é un dos pacientes ingresado na unidade na que me atopo traballando agora mesmo, rolda os 75 anos e é un máis de entre centos de miles de cidadáns no seu rango de idade, hipertenso, diabético e ata a data na súa casa realizaba unha vida normal. Un paciente denominado como de risco. 

Mario ingresou no hospital hai case unha semana e media tras sentir unha sensación de falta de aire, tose e temperatura máis elevada do normal. En Urxencias diagnosticáronlle insuficiencia respiratoria e COVID-19 positivo. Con el, como co resto, tomáronse as medidas protocolarias de illamento: un cuarto individual e sen acceso a visitas. Tan só o persoal sanitario accedería a mesma e a comunicación co exterior prácticamente nula.

Durante todo o tempo no que leva ingresado viviu a soidade do illamento e o contacto físico reduciuse aos contactos que ten a diario co persoal sanitario e non sanitario. As entradas á habitación, tal e como aparece nos protocolos, limitáronse o máximo posible porque os equipos de protección individual, os famosos epis, escasean e débense usar con sentido común polo que puidese vir. Por esta razón os contactos con Mario deben ser breves e os meus accesos á habitación, aínda queréndoo, deben ser os xustos para evitar a nosa exposición. 

Pasaron varios días e o virus fixo efecto en Mario. Aínda que á súa chegada entrou sendo unha persoa autónoma, pasado estes días debido á infección xa non pode valerse en por si: a insuficiencia respiratoria agravouse, a pneumonía bilateral provocoulle unha infección xeneralizada e agora require dunha alta achega de osíxeno. A súa deterioración avanza moi rápido e parece imparable. 

Son case as doce da mañá e a vida de Mario pende dun fío. Hai que tomar a decisión máis difícil e dura: séguese adiante co imposible ou o deixamos xa e facemos que sexa o máis cómodo posible para el? 

Finalmente o seu corazón xa non pode aguantar máis e a pesar de que el loita para manterse con vida na soidade da súa habitación, á unha da tarde o médico confirma o seu falecemento.

Foron varios días xunto a el, varios días nos que tiven a sorte de coñecer a súa persoa, varios días de risas e bromas cando estaba permitido, varios días de soidade xunto a el, pero este último día, o da despedida na que só estabamos el e eu foi especialmente duro. Despedinme cunha pequena caricia do meu dobre par de luvas sobre a súa fronte.

Foron cinco horas con Mario ata que non puido máis. A súa morte fixo aumentar as tristes estatísticas de damnificados polo Covid-19, pero para min non será un número máis. Para min sempre será Mario.

“Imagen del Banc d’Imatges Infermeres. Autoría: Ariadna Creus y Àngel García”

One thought on “Cinco horas con Mario

Deixar unha resposta