A saúde esquecida da periferia galega

O novo modelo asistencial da Rede de Transporte sanitario urxente terrestre acordado entre a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e o SERGAS confirman novamente a agresión e o desprezo ao que o goberno da Xunta somete a comarcas periféricas e afastadas das cidades que están en inferioridade de condicións en canto a asistencia sanitaria urxente.

A reestruturación dos recursos cébase de novo coa comarca da Mariña, onde a ambulancia medicalizada con base en Foz perderá a partir do 16 de outubro, un Técnico de Transporte Sanitario e este novo modelo de cobertura de urxencias extrahospitalarias será implantado noutras dúas ambulancias no Salnés e Monforte.

A figura dos técnicos en emerxencias sanitarias é fundamental na emerxencia extrahospitalaria: son os encargados dunha condución segura e eficiente, da localización do punto de asistencia, asumen a administración de compresións no soporte vital avanzado, asisten aos médicos e enfermeiros nos seus procedementos, son os encargados da evacuación do paciente entre outras numerosas funcións e todas estas actividades non poden ser desenvoltas por un só técnico.

A todo iso debemos engadir que a rede de transporte sanitario urxente da Mariña está dotada por 5 ambulancias de SVB (Viveiro, Burela, Ribadeo, Mondoñedo e Foz, sendo esta última só operativa durante 12 horas ao día ) e unha ambulancia de SVA (con base en Foz), abarcando unha área de 1660 quilómetros cadrados e atende a 73.000 potenciais pacientes, cifra que se incrementa notablemente en períodos vacacionais xa que nesta comarca moita poboación ten establecida a súa segunda residencia, non correspondendo este feito cun aumento na dotación de efectivos sanitarios.

A ambulancia de SVA encárgase de facer traslados interhospitalarios urxentes entre o Hospital Público da Mariña e outros hospitais (Lugo, A Coruña ou Santiago) e de realizar os servizos urxentes extrahospitalarios que poidan xurdir.

O propio SERGAS e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 propón ante a supresión deste técnico sanitario, no caso de que fose necesario mobilizarase outro recurso, é dicir, a ambulancia de SVB dispoñible nese momento, deixando así descuberto o seu radio de acción.

Esta medida non é máis que un parche a unha situación improvisada que xa se tentou emendar noutras ocasións apelando a unha posible atención de urxencias mediante os helicópteros medicalizados (con base en Santiago de Compostela e Ourense), unha proposta que se demostrou como inviable por situarse esta comarca “fóra de isocronas”, ou a utilización do PESCA II como solución alternativa que tamén se evidenciou como un engano á poboación, xa que devandito medio é utilizado só para rescate marítimo, e de ser empregado sempre sería necesario o apoio do 061 desde terra.

Deixar unha resposta