Ben era sabido por toda a opinion pública que os datos de temporalidade nos profesionais da sanidade eran vergoñentos. Mais quixemos saber con maior detalle a situación actual nas enfermeiras e os datos obtidos son incluso máis preocupantes do que pensabamos.
Grazas á enquisa realizada polo noso colectivo durante o mes de marzo, podemos afirmar que o 66% do persoal de enfermaría das unidades de hospitalización das diferentes áreas sanitarias galegas é persoal temporal, un aumento dun 31% dende o ano 2019, é dicir case 7 de cada 10 enfermeiras. Uns datos mais agravados cando recordamos que Galicia é a segunda comunidade autónoma con peores ratios de enfermeira-doente.
Comparados cos publicados polo Consello de Contas relativos ó ano 2020, a temporalidade incrementase case nun 18%. Estes datos situaban os índices de temporalidade nun 48% en Atencion Especializada. Este incremento interanual aumentou debido as numerosas xubilacions e prexubilacions do persoal de enfermaría dende a pandemia e a cobertura das mesmas mediante contratos temporais.
Dende Enfermeiras Eventuais en Loita, queremos mostrar a nosa profunda preocupación ante esta situación agravada aínda máis nestes últimos anos. Esta alta temporalidade pon en risco a atención aos pacientes o próximo 25 de xuño, data onde todo o persoal temporal acudirá a Silleda á oposición de enfermaría. Segundo os datos da nosa enquisa, máis do 75% das unidades van ter dificultades para cubrir as quendas ese día, data do concurso oposición. De feito, identificamos unidades de hospitalización nas que todo o personal asistencial é temporal, polo que non será posible a cobertura do persoal temporal con persoal fixo competente nesa unidade de hospitalización.
Para evitar deixar unidades sen profesionais, as compañeiras fixas terán que dobrar quendas e será necesario que o persoal de Atención Primaria e Consultas Externas, traballen ese día. No primeiro caso, aumenta o risco dos coidados pola fatiga das profesionais. No segundo caso, o risco vén derivado pola falta de competencias, experiencia e coñecementos actualizados específicos nesas unidades de hospitalización.
A maiores da alta temporalidade, a falta de persoal é tamén preocupante, pois segundo o Consejo General de Colegios Oficiales de Enfermería de España, Galicia necesita 8.351 enfermeiras para chegar á media da UE, pero a Xunta oferta só 1.556. Isto supón 6.795 menos das precisas, pese a que ao concurso-oposición se presentan e foron admitidas, de forma provisional, case 9.900 profesionais, polo que esta consolidación da precariedade no SERGAS o que fará e que ese persoal moi necesario para o futuro do servizo, marche da profesión, coma ben din os datos.
É unha tendencia preocupante que falten profesionais, pero é máis preocupante non saber como solucionalo. Hai que preparar dende as administracións autonómicas, un plan de futuro para a profesión enfermeira e evitar que esta falta de planificación afecte aos doentes, coma o pasado 24 de marzo candon un neno acabou na UCI por unha sobredosificación de medicamento.
Esta compañeira ben podía ser calquera de nós, expostas a traballar en unidades sen requerir a experiencia, formación ou indución debida. Traballando en unidades por días, cansas e concatenando contratos de forma prolongada sen dereito a vacacións. Sometidas a presión constante, a unha carga excesiva de traballo, falta de medios e un sistema burocrático inxusto e inflexible. Os estudos levan avisándonos anos e relacionando a falta de persoal con maior risco de complicacións, efectos adversos e incluso a morte. Quizáis con estes datos que hoxe mostramos, o sistema esté a mostrar os seus estertores que xa sabiamos que cedo ou tarde chegarían. Quizais sexa a hora de sinalar á Administración coma máximo culpable de este agónico deterioro.
Todos os datos aportados para o estudo, foron ofrecidos de forma voluntaria polo persoal e recopilados con data fin do 31 de marzo do presente ano 2023, co único obxeto de coñecer a realidade laboral actual no SERGAS. Estes datos debería ser públicos e ofrecidos pola propia Administración. No entanto, o SERGAS e a Consellaría néganse a facilitar os datos, solicitados polo noso e outros colectivos e mesmo partidos políticos.
“Imagen del Banc d’Imatges Infermeres. Autoría: Ariadna Creus y Àngel García”