Era o verán de 2021 e o actual presidente dos Estados Unidos sorprendeu a propios e alleos nunha rolda de prensa no East Room da Casa Branca. Respondendo a unha pregunta sobre as preocupacións dos empresarios estadounidenses pola escaseza de traballadores nalgúns sectores, Joe Biden respondeu murmurando ao micrófono “Pay them more”, ou o que foi “Se non atopas man de obra, tentade pagarlle máis, a ver que é o que pasa”.
Dende o noso colectivo nunca esiximos subidas salariais, porque a nosa principal preocupación era denunciar a precariedade laboral. Se ben é certo que o salario ten moito que ver coa definición actual de precariedade, decidimos deixar ese debate a un lado e poñer ao paciente no centro. Afeitos a concatenar contrato tras contrato, centrámonos en facer que eses contratos foran máis longos e estables, ademais de reclamar os mesmos dereitos que o resto do persoal. E fixémolo esixindo estas melloras á Consellería de Sanidade, dirixida en primeiro lugar por Vázquez Almuiña e na actualidade por García Comesaña.
Preguntarédesvos se nestes anos houbo grandes cambios e a verdade é que si. Algúns conseguimos unha praza, varios estamos preto de conseguir praza na próxima oposición, pero moitos outros seguimos na mesma situación que hai cinco anos. Sexa como for, lendo estas liñas moitos de vós sentirédesvos identificados.
Pois ben, todos os cambios que vivimos nos últimos cinco anos non se viron influenciados, en ningún momento, polas políticas adoptadas polo SERGAS e a Consellería de Sanidade. Basicamente porque estas institucións, en todos estes anos, non fixeron ningún grande cambio. De feito, os únicos avances en material laboral non os asinaron eles senón outras institucións, pero aproveitaron para sumarse o tanto. Imos exemplificar os máis importantes para entrar en detalle:
- O proceso de estabilización laboral que pechará o ano 2023, coa convocatoria de 459 prazas de enfermería cun concurso de méritos, foi un proceso imposto pola Unión Europea tras múltiples denuncias recibidas no Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), unha delas formalizada por este colectivo que vos fala.
- Tamén falamos dun dos piares da pandemia, os contratos de emerxencia sanitaria que permitiron contratar a centos de profesionais durante a crise sanitaria. Estes contratos temporais foron financiados exclusivamente polo Estado e foi o SERGAS quen os xestionou sen poñer nin un euro dos seus orzamentos.
- Outro dos grandes anuncios que encheu varias follas nos distintos medios foi a contratación de 70 enfermeiras para reforzar a atención domiciliaria no rural. Este incremento de persoal, reclamado dende hai anos para poder ofrecer unha atención de calidade aos pacientes inmobilizados no domicilio ou en residencias socio sanitarias, nace dunha promesa electoral previa ás eleccións autonómicas do ex presidente Feijoó. En concreto esa promesa é, en realidade, parte dun plan negociado entre todas as comunidades autónomas no Consello Interterritorial de carácter temporal con data de finalización e financiado con fondos europeos Next Generation. Con este plan o SERGAS sae gañando e pode vendelo como seu, cando non investiu de novo nin un euro.
- A Carreira Profesional de todo o persoal é outra vitoria xurídica para os traballadores acadada tras múltiples recursos contra a orde do 2018 do SERGAS, onde se discriminaba ao persoal estatutario temporal, impedíndolles que puidesen beneficiarse dunhas melloras que si tiña todo o persoal en moitas outras comunidades autónomas.
- Tamén se aplicaron incrementos salariais ao persoal do SERGAS, ao igual que ao resto dos traballadores públicos pola perda de poder adquisitivo pola suba da inflación. O groso destes acordos foron asinados dentro dos Orzamentos 2023 en outubro de 2022. Curiosamente contaron co voto en contra, entre outros, do Partido Popular que goberna na Xunta de Galicia.
- Non esquezamos unha cuestión que está de actualidade no debate político, o número de prazas de formación sanitaria especializada (MIR, EIR, FIR, PIR, QIR, BIR e RFIR). É dende a Consellería de Sanidade onde se reclama ao Estado o aumento do número para dispoñer de máis profesionais especializados. Pois ben, se temos en conta as convocatorias de EIR durante a lexislatura do Partido Popular de Mariano Rajoy na Moncloa, o número de prazas permaneceron sen cambios e incluso se reduciron. Dende a súa saída do goberno o número de prazas non parou de medrar nos últimos catro anos, como tamén aconteceu no resto de categorías.
En resumo, o SERGAS non fixo ningún esforzo para mellorar as condicións laborais das enfermeiras, torpedeando moitos dos avances laborais reclamados nos últimos anos pola vía xudicial e mesmo unha vez gañados pretendendo anotarse o tanto. Esta permanente actitude de inmobilismo, sumada ao crecente déficit de profesionais provocado, en boa medida, por estas precarias condicións laborais, seguro non axudará a mellorar a situación.
Non confiamos en que nada cambie dun día para outro nin en que antes das eleccións autonómicas do próximo verán traian promesas cumpridas para as enfermeiras. De pouco valerá murmurar como Joe Biden ao micrófono un “take more care of them”, “cóidennos máis”, pero estamos seguras que outros virán que si o farán. Fagamos posible un cambio.
“Imagen del Banc d’Imatges Infermeres. Autoría: Ariadna Creus y Àngel García”