Benvido, Mister Comesaña

Benvidos e feliz volta de vacacións compañeiros e compañeiras, aínda que, posto que a maioría somos eventuais, o correcto sería dicir benvidos e feliz fin de contrato de verán.

Setembro é o mes da volta á rutina por excelencia, os nenos volven ás clases, os adultos volven aos seus traballos (polo menos os que teñen a sorte de conservalo) e os eventuais volvemos poñer o son e a vibración ao móbil, pola conta que nos ten. Pero hai unha persoa para a que este setembro non ten nada de rutineiro, trátase do noso gran amigo e aliado Jesús Vázquez Almuíña, gran defensor da sanidade pública en xeral, e da enfermería en particular (a estas alturas non teño que explicar que é sarcasmo, non?).

Almuíña, soado autor de citas comoo 88% do persoal está en vínculos estables”, e “o persoal pode ir traballar en unicornio, se así o desexa” (esta última non se se a dixo, pero casa moito coa súa percepción distorsionada da sanidade galega), deixa de ser o noso xefe. Unha mágoa! Parece que os bloques de verán finalizaron para todos, incluído esta estrela emerxente da comedia galega (imos pensar que algunhas das súas declaracións eran broma, porque a alternativa é que de verdade crese nesas barbaridades).

O que non sabiamos era que estaba a quentar na banda para saltar ó terreo de xogo o señor Julio García Comesaña. Sorpresas que nos dá Feijóo. Esta nova fichaxe non é exactamente un descoñecido, seguro que a moitos vos quere soar. Pois si, fíxose tristemente soado durante esta pandemia pola destitución de Eva Maquieira como xefa de sección de Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi).

A súa terrible falta para tal destitución? Comentar en redes sociais o seu desacordo coa xestión do material de protección individual no seu centro hospitalario. Estamos bos! Nin que agora a xente puidese expresar a súa opinión libremente, nin que houbese democracia! E como daquela o bo do home era xerente da area sanitaria de Vigo, pois nada, destitución, e morra o conto.

Desde aquí quero saudar cun toque de cóbado ao novo conselleiro, e explicarlle un pouco de que vai o asunto. Somos un colectivo chamado Enfermeiras Eventuais En Loita, que xurdiu grazas á nefasta xestión do seu antecesor. Seguro que escoitou falar de nós, aínda que máis na Sexta que na Televisión de Galicia, somos esas piradas que en plena onda de calor, alá por maio de 2019, ocorréusenos ir opositar vestidas de negro. Non, non era unha cuestión de que ese sexa a cor que mellor combina con todo, era unha cuestión de loito, de dar visibilidade á perda continua de dereitos que sufrimos durante os últimos anos e as condicións laborais que empeoran con cada novo pacto de contratación. Vaise situando?

Non lle vou a mentir, o seu antecesor non nos fixo moito caso, pero agora podemos facer borrón e conta nova e comezar a nosa relación con bo pé. Non se pense que lle temos esixencias moi tolas, nin queremos excentricidades, que non somos o clan Kardashian. Queremos estabilidade laboral para poder desempeñar ben o noso traballo, porque traballamos con persoas, non con ladrillos, e estar un día nun servizo, outro día noutro, e o seguinte nun centro de saúde a 40 quilómetros, pois acaba unha que non sabe xa nin onde está. Queremos poder conciliar a vida laboral e a familiar, porque a este paso levaremos os fillos ao pediatra a mesma semana que vaiamos pasar o preoperatorio para as cataratas. E, xa que estamos, ter medios suficientes para poder seguir traballando durante a maior crise sanitaria que se lembra neste país, pois tampouco estaría mal, xa lle digo que non están as cousas como para que moita xente colla unha baixa, non andamos sobrados de persoal.

Que lle podo dicir? Está metido nun bo percal. Non é o mellor momento para a sanidade, iso desde logo, pero ten dúas opcións: pode dialogar connosco, as sanitarias, as que estamos ao pé das camas, as que vemos a realidade tal e como é, ou pode marcarse un Almuíña e facer o que lle din catro como vostede que só saen do despacho para ir á máquina do café. Que igual lle parezo eu moi agre para non ser sequera interina, pero tiña que escoitar falar ás veteranas con praza en posesión ás que lle están denegando os días libres. Non lle estrañe se lle pitan os oídos.

Sr. Comesaña, só espero que aprenda dos erros do señor Almuíña, que non os subestime, e que a súa actitude sexa máis aberta e dialogante e menos soberbia. Porque vostede será o conselleiro, pero sen os traballadores, non hai sanidade.

Señor Almuíña, tanta paz leve, como aquí deixa

Deixar unha resposta