A cor importa

Desde que comezamos a ter visibilidade, foron moitos os que trataron de tinguirnos dunha cor. Dependendo de quen nos tendese a man, poñíannos unha cor un día e ao seguinte outra. É certo que nesta sociedade se ti non es quen de caer cara a un lado ou outro, poida que non se che teña en conta. Coma se non existises ou se non pertenceses á realidade.

Aínda que certos movementos non poidan nin deban levar ningunha cor, é certo que esta importa. A nosa en particular naceu do negro máis escuro. Porque o negro é a cor do loito, porque negro é o futuro que temos por diante se non facemos nada para cambialo. E niso estamos. Levamos máis dun ano tentándoo, chamando a portas multicolor para que escoitasen a nosa voz, convidando a reunións tanto a partidos políticos, sindicatos como a colectivos sanitarios ou en defensa da pública.

Ao principio eramos nós quen as reclamábamos, porque ninguén sabía de nós nin do por que da nosa loita. Por iso tivémonos que dar a coñecer, e que mellor maneira que cun traballo previo: preparar a mensaxe que queriamos mostrar; identificar cales eran os problemas reais e pensar que se podería facer para solucionalos; limar esas propostas; pensar a forma na que a mensaxe chegase a todos por igual, e un longo etcétera.

Segundo foron pasando os meses, quen antes recibían os nosos correos electrónicos e chamadas, eran agora quen querían pechar reunións, mesas de debate e minutos en radio e televisión.

Din por aí que “se queres que alguén che busque, deixa de buscalo” e iso fixemos. Centrámonos, unha vez presentados en sociedade, en tentar explicar con éxito á poboación que é o que nos estaba acontecendo aos profesionais da sanidade pública. E vaia se funcionou.

Chegar á xente e que esta nos mostrase a súa solidariedade, empatía e agarimo,  foi o maior premio. Tiñamos claro desde o principio que unha vez nos escoitasen, seriamos entendidos. E estivemos no certo. Foi entón cando fomos conscientes de que o estabamos a facer ben.

Pero volvamos centrarnos nas cores. Unha vez asentados, fomos convidadas en varias ocasións ao Parlamento de Galicia chegando a falar con todas as forzas políticas, sen excepción, alí presentes. Chegamos a Bruxelas, ao Parlamento Europeo da man do BNG, participamos en actividades e charlas organizadas polo PSdG e BNG, reunímonos con Unidas Podemos e coa súa marca Galicia en Común, con En Marea e a súa nova marca Marea Galeguista, con Cidadáns Galicia a nivel autonómico, con Máis País previo ás eleccións estatais …

Tamén estivemos en plenos municipais de diversos  concellos ao longo e ancho de toda Galicia tentando darlle voz ao que moitos xa coñecían. Organizamos unha mesa de traballo coa maioría dos sindicatos representativos para falar de posibles melloras, de problemáticas que quizais moitos non eran conscientes e así coma diversas actividades e reunións varias.

Todo iso coa única finalidade de, unha vez presentadas as nosas credenciais, procurar mellorar as nosas condicións laborais. Unhas condicións que cando se vexan emendadas virán da man dunha maior calidade dos nosos coidados.

En resumo, fomos o máis transversais posibles, escoitamos a todos e falamos con todos. Non todos van comprar as nosas reclamacións, pero a pesar diso, seguiremos dando guerra

Está claro que nunca vai chover a gusto de todos e que haberá quen siga colocando cores ao noso colectivo, pero a realidade é que, pese a quen lle pese, pasen os anos que teñan que pasar, ata que a nosa problemática sexa resolta, a nosa cor foi, é, e será sempre o negro

E sabedes que cor representa a combinación de todas as cores? Acertastes, o negro máis absoluto

“Imagen del Banc d’Imatges Infermeres. Autoría: Ariadna Creus y Àngel García”

Deixar unha resposta