A comodidade non é seguridade

A estas alturas, é evidente que a pandemia cambiou a nosa forma de vida. Influenciou en practicamente todos os ámbitos, e en moitos outros espertounos do noso sono. De feito, a día de hoxe xa ninguén dubida que a visión que tiñamos anos atrás sobre os coidados hospitalarios e  extrahospitalarios quedou obsoleta e que os cambios son precisos. 

Algúns deses cambios proxectados nacen na área Sanitaria de Vigo, un dos laboratorios de probas do Servizo Galego de Saúde. Orientados cara á necesidade de minimizar o risco de brotes de COVID, desde o SERGAS, puxeron o foco no Hospital Meixoeiro, onde dende hai uns días, se están a realizar cambios para adaptar os cuartos dobres en individuais

Isto implica tamén á figura do familiar/coidador, moi importante nesta remodelación do sistema hospitalario. Permetirisalle acompañar ao doente durante toda a súa estancia, polo que terá á súa disposición unha segunda cama na habitación ademais dun menú de acompañante. Á súa vez, tamén en relación á redistribución do Hospital Meixoeiro, reforzarase o persoal de persoal coa incorporación dun maior número de TCAEs. 

A idea nun primeiro momento soa ben: minimízanse riscos ca fin de evitar  a propagación do virus, aumentando tanto a seguridade do doente así como o seu confort e satisfacción e tamén dos seus acompañantes. Unha idea que segue a liña teórica do Plan de Humanización, anunciado nas últimas datas dende a Consellería de  Sanidade. 

Pero como en todo proxecto de remodelación, neste tamén existe unha cara B. Unha cara que pon en evidencia a necesidade de optimizar e, na maioría dos casos, mellorar a cociente enfermeira:paciente. É dicir, xestionar cunha maior eficiencia os coidados que se ofrecen nos últimos tempos con cada vez menos persoal e máis precario.  

No caso do Meixoeiro, falamos de que, da man do aumento do confort dos pacientes, virá tamén unha diminución da cociente enfermeira:paciente, é dicir, máis pacientes para cada enfermeira. Unha dinámica que, de normalizarse, perxudicará enormemente a atención prestada. E isto non é algo que digamos nós, senón que é algo evidenciado por múltiples estudos realizados en diversos sistemas de saúde, incluíndo o español. A eficiencia non é tan simple como facer máis con menos, senón evitar que a calidade dos coidados non se vexa prexudicada. Por ese motivo poñemos o acento niso.  

Entre eses estudos está o “Nurse  staffing  and  education  and hospital  mortality  in  nine  European  countries: a  retrospective  observational  study”, publicado en  The  Lancet en 2014, que destaca que «os recortes de persoal de enfermería para aforrar diñeiro poderían afectar negativamente os resultados dos pacientes», á vez que advirte que «as enfermeiras atendían a unha media de seis pacientes terían unha mortalidade  intrahospitalaria case un 30% menor que os pacientes en hospitais nos que as enfermeiras atendían unha media de oito pacientes».  

No estudo realizado en España, as conclusións foron similares, contando para o mesmo a nada desdeñable cifra de 60 hospitais e 7.640 enfermeiras de 532 unidades de enfermería hospitalarias. 

Os exemplos con respecto os cocientes, xa non só na área Sanitaria de Vigo senón a nivel xeral en toda as áreas sanitarias galegas, falan por si sós, por exemplo o cociente de 1 enfermeira para 17 pacientes, que se dá a día de hoxe no Meixoeiro de Vigo. Neste caso, hai dúas unidades de hospitalización en cada andar, en esquinas opostas e separadas por un gran corredor. A ausencia dunha enfermeira de reforzo significa que a enfermeira máis próxima está moi lonxe e no caso de que requiran a súa axuda, exporía aos seus pacientes.

Tamén coñecemos casos nos que quendas en Unidades Hospitalarias, cunha gran carga de pacientes  pluripatolóxicos e dependentes, quedan a cargo de equipos de dúas enfermeiras e unha  TCAE. Falamos de cocientes que chegan mesmo a superar as dúas ducias de doentes, algo que en moitas ocasións é dificilmente  abordable e contraproducente á atención que os propios pacientes requiren. 

Do mesmo xeito que se afectan as Unidades Hospitalarias, a diminución das ratios tamén afecta ás Unidades de Atención Crítica como o Servizo de Reanimación do CHUO en Ourense, onde están a tratarse pacientes COVID e non se cumpren os estándares establecidos pola SEMICYUC.

De novo téntase vender á opinión pública como un proxecto pioneiro que busca mellorar a atención do enfermo, pero a realidade é que coas ratios coas que traballan, neste caso nunha Unidade Hospitalaria, o doente non poderá estar debidamente atendido coa excelencia que nós as profesionais dos coidados, quereriamos para eles. 

Se algo deixou clara a pandemia é que as enfermeiras respondemos con profesionalidade e entrega en todo momento. Pola parte que lle toca á Administración, esperamos que nalgún momento demostre con feitos que tomou nota de todos os seus erros con vista ao futuro e entre outras medidas, alivie a carga dos pacientes por enfermeira ca fin de buscar unha mellor atención e maior seguridade. Mentres tanto, seguiremos tentando ser firmemente claras: a comodidade non é seguridade.

“Imagen del Banc d’Imatges Infermeres. Autoría: Ariadna Creus y Àngel García”

Deixar unha resposta