12 de Maio: Día Internacional da Enfermería e Matrona

O 12 de maio de cada ano celébrase o Día Internacional da Enfermeira e matrona. Data escollida por ser o aniversario do nacemento de Florence Nightingale, considerada como a fundadora da enfermaría moderna.

Este ano o lema que designou o  CIE (Consello Internacional de Enfermería) para a efeméride foi:

 “A Enfermería. Unha voz para liderar. Investir en enfermería é respetar os dereitos para garantir a saúde global”

Aínda que hoxe se supón un día de celebración e homenaxes, a nosa realidade é ben distinta:

Levamos anos traballando en precario. Situación acentuada , aínda máis se cabe, pola pandemia.

A mala xestión das diferentes administracións, están conseguindo que moitas de nós nos replantexemos se realmente isto merece a pena. Até a idea de mudar de profesión

Non entendemos como, na maioría dos casos, despois de varios anos traballando continúamos con contratos a días, quincenas…

Carteleiras abusivas sen ningún tipo de estabilidade, coas que resulta imposible poder organizar a nosa vida persoal, conciliar, ter a posibilidade de desfrute de vacacións, permisos e mesmo descansos reglados. Xerencias que impoñen, case dunha maneira ditatorial cando debes traballar ou descansar, se é que che corresponde. excusándose na falta de persoal ou necesidades do servizo.

Os abusos e falta de dereitos reais e efectivos repercuten no máis importante para nós e para o propio sistema sanitario, os coidados que damos as e aos doentes.

Resulta imposible dar uns coidados de calidade coa situación laboral á que estamos sometidas. Non podemos escusarnos nin permitir que isto siga así polo feito de que esta profesión ten que ser “VOCACIONAL”. A VOCACIÓN EN NINGÚN CASO XUSTIFICA A EXPLOTACIÓN! 

Por iso plantexamos  as seguintes cuestións:

Como imos liderar se non temos a suficiente inversión en enfermería?

Sen inversión axeitada, como imos garantir a saúde global?

Como coidar se non coidamos a quen coida?

Como dar uns coidados íntegros, continuos e de calidade sen ter unha estabilidade e dignidade laboral?

Como evitar a falta de persoal ou fuga cara outros países/sectores de ENFERMEIRAS se cada día precarizamos máis a profesión?

Por todo o dito, dende o noso colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita neste día tan sinalado, que ademais de ser o día da enfermería coincide co acto de investidura do novo presidente da Xunta: Volvemos exixir de maneira urxente un cambio na xestión e nas políticas cara á nosa profesión; e agardamos que así o fagan as administracións responsables e por suposto a nova presidencia.

Deixar unha resposta